Thursday 16 de May de 2024

Constituída a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame, presidida por Teresa Villaverde


Reunirase semestralmente e na súa segunda sesión presentará un protocolo de actuación ante casos de violencia de xénero

A subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, María Belén Liste Lázara, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presidiron esta mañá o acto de constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame. Trátase dun instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero co obxecto de procurar unha maior eficiencia na resposta contra esta lacra social.

“Non estamos o suficientemente coordinados”, recoñece Teresa Villaverde, “polo que o primeiro que faremos será un protocolo de actuación para saber coordinarnos entre nós e que estará listo para a próxima reunión da Mesa, que terá lugar o venres 3 de novembro”. Neste sentido, Villaverde Pais explica que “o obxectivo principal é facilitar a detección precoz de casos de violencia, dar unha resposta máis áxil e adaptada ás necesidades das mulleres e que saiban que teñen recursos á súa disposición”.

Pola súa banda, María Belén Liste Lázara disculpou a ausencia da secretaria xeral de Igualdade e felicitou ao Concello de Lousame porque “as Mesas Locais contra a Violencia de Xénero son unha ferramenta fundamental para detectar, previr e para que todos traballemos a prol da erradicación da violencia machista”. Liste Lázara lembrou que os integrantes desta Mesa “sodes os que estades máis cerca da veciñanza e podedes detectar os casos canto antes para que estas mulleres sintan tamén a cercanía dos poderes públicos” A subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero apuntou que “a coordinación na loita contra a violencia de xénero non custa cartos, pero é clave. Se cada un se dedica ao seu, ao final prexudicaríamos ás mulleres. Que vos poñades cara e vos coñezades é un primeiro paso para traballar de xeito coordinado”.

Obxectivos

A concelleira de Servizos Sociais de Lousame, Silvia Agrafojo, explicou aos presentes os obxectivos específicos da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame, máis aló de promover políticas e actuacións no ámbito municipal para a erradicación da violencia de xénero. “Queremos mellorar a detección precoz dos casos de violencia de xénero, optimizar a coordinación dos axentes implicados nesta loita e así poder ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas”, apuntou Silvia Agrafojo.

A maiores, indicou que é preciso “mellorar a protección daquelas vítimas que presenten alto rísco, poñer en común os datos sobre violencia de xénero que dispoñen as distintas entidades representandas na Mesa e impulsar estudos de sensibilización”.

Composición

A creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame foi aprobada por unanimidade no pleno municipal do 20 de novembro de 2014. Reunirase de xeito ordinario semestralmente, se ben cabe a posibilidade de convocatorias extraordinarias ante situacións de emerxencia. Estará presidida pola alcaldesa, Teresa Villaverde, e contará con Mónica Castaño Ourille, traballadora social do Concello de Lousame, como secretaria. Estará integrada pola concelleira de Servizos Sociais de Lousame, Silvia Agrafojo; a Garda Civil de Noia, representada polo sarxento Julio César López González; o CPI Cernadas de Castro, representado pola súa directora Pilar Cobas Cajuso; o CIM de Noia, representada pola psicóloga Julia Veiro Justo; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e o centro de saúde de Lousame.

Precisamente este último compoñente puxo de manifesto esa necesidade de maior coordinación que pedía a alcaldesa de Lousame, xa que o Sergas enviou a María del Carmen Méndez Iglesias, traballadora social do Centro de Saúde de Noia, como representante do centro de saúde de Lousame (que non conta con traballadora social). Por iso, durante o encontro se acordou que o interlocutor co centro lousamiano sexa unha das enfermeiras do propio centro de saúde.